O Consello da Xunta aprobou o proxecto de decreto da HSU e a posta en marcha de casas niño no rural

Historia Social Única

No Consello da Xunta de onte aprobouse o Proxecto de Decreto polo que se regula a creación, o uso e o acceso á Historia Social Única Electrónica, para a súa remisión a ditame do Consello Consultivo de Galicia.

Segundo destacou o titular da xunta na rolda de prensa posterior ao consello, este documento permitirá aos profesionais do Sistema Galego de Servizos Sociais, independentemente de que pertenzan ao ámbito municipal ou autonómico, o acceso único ao expediente social dos usuarios en formato electrónico e homoxéneo para todas as administración públicas competentes en servizos sociais e supón o primeiro paso avanzar cara á unha atención totalmente personalizada e adaptada ás necesidades de cada persoa.

Esta iniciativa permitirá ter nunha única historia todos os datos relativos á historia social do individuo, incluíndo: a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos solicitados; así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de servizos sociais, ademais de información referente a profesionais e a institucións e organizacións que interveñen nelas.

Trátase, engadiu, dun paso fundamental para que todos os axentes dos servizos sociais dispoñan en todo momento da mesma información, de forma que se evitarán duplicidades e se mellorará a calidade desa información, facendo fincapé en que isto suporá unha redución de erros e de tempos de resposta e unha atención máis personalizada.

Así mesmo, esta iniciativa facilitará tamén unha atención máis proactiva, grazas a un sistema de alertas e subscricións que avisa ao profesional de calquera cambio no historial da persoa para que poida actuar de maneira inmediata.

A historia social significa crear un sistema integrado de intercambio de información entre a Administración local e a autonómica, e sentará as bases para facer realidade o compromiso de que a historia social se integre coa historia clínica, o que simplificará o labor dos preto de 30.000 profesionais que integran o Sistema Galego de Servizos Sociais.

Progresivamente, precisou que esta historia social irase ampliando ao eido da atención aos menores, do emprego, da vivenda, da xustiza, e o paso final será a integración coa información sanitaria. Sobre a seguridade, indicou que haberá unha identificación unívoca dos usuarios ao empregar a numeración da tarxeta sanitaria, para que non existan dous números de identificación distintos; e que queda protexido o acceso á información a través do uso dun certificado por parte dos profesionais.

Comparte este artículo en: